Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Fene, rendindo ao 100% nestes primeiros compases da crise sanitaria


O consistorio reforzou a limpeza e desinfección do mobiliario urbano e das zonas máis concorridas

Igual que o resto de concellos da comarca, o de Fene está aplicándose a fondo na posta en marcha de medidas para cumprir coa emerxencia sanitaria decretada pola Xunta e coa batería de accións emprendidas polo Goberno do Estado ao abeiro do real decreto no que se declarou a situación de alarma en toda España. A Administración local destinou recursos técnicos e humanos á redución da posibilidade de contaxios en espazos públicos e, ademais, está levando a cabo un intenso labor de atención tanto ás cuestións administrativas como ás necesidades que poida ter a veciñanza. Neste sentido, desde o Executivo local infórmase de que a área de Servizos Sociais xa ten artellado un dispositivo para achegar alimentos e artigos de primeira necesidade a aquelas persoas que se encontren soas ou nunha situación vulnerable e, ao tempo, tamén se están centrando esforzos na limpeza de espazos públicos e mobiliario urbano.

Desde o consistorio lémbrase que, durante o tempo que dure o Estado de Alarma, permanece pechada a atención presencial nas oficinas municipais, agás aqueles servizos que son considerados esenciais e que, en calquera caso, atenderán sempre con cita previa e logo de analizar a urxencia da petición. De acordo co bando da alcaldía publicado hai uns días, dentro deses servizos encóntrase, ademais da Policía e Protección Civil, a conserxaría municipal, estatística (Padrón de habitantes), o rexistro de entrada e portelo único, a Secretaría Xeral, Intervención, Tesouraría, o departamento de Obras e Servizos e o cemiterio municipal.

“Na sede municipal e só na sede municipal estamos nunha situación equiparable á duns servizos mínimos, con persoal que está traballando nas oficinas e outro que exerce as súas funcións desde a casa”, explica Juventino Trigo. O alcalde sinala que “todo o mundo está ao cento por cento para manter o normal funcionamento da administración e para seguir ofrecéndolle ás veciñas e veciños o mellor servizo que permiten unhas circunstancias tan complicadas e cambiantes”. “Por sorte -engade Trigo- a veciñanza está respondendo dunha forma excepcional seguindo as ordes de confinamento, limitando ao necesario os seus desprazamentos e dirixíndose ao Concello só por cuestións verdadeiramente importantes, algo que facilita moito o labor municipal”.

Neste período a comunicación co Concello debe realizarse de forma telemática a través da Sede electrónica municipal ou vía telefónica, por medio dos teléfonos da Casa do Concello (981 492 707), da Policía Local (981 492 777), de Protección Civil (663 379 073) e de Servizos Sociais (981 492 706).

Eses teléfonos funcionan de maneira coordinada ante calquera incidencia que se produza e tamén se pode chamar a calquera deles para solicitar a achega de alimentos e medicamentos naqueles casos de persoas sen unha rede de apoio familiar que vivan soas, que teñan a mobilidade reducida ou que estean nunha situación de vulnerabilidade, especialmente as de idade avanzada ou con algunha discapacidade. O servizo xa está en marcha e coordinado pola área de Servizos Sociais con apoio da Agrupación local de Protección Civil, que se encarga da distribución “de alimentos, medicinas, produtos de hixiene e de primeira necesidade” tanto neses casos “debidamente xustificados e analizados” como no de familias e persoas que xa estaban sendo atendidas polo departamento antes da crise.

Hixiene pública
Alén das cuestións administrativas, a área de Obras e Servizos, coordinada por Mar Piñeiro, tamén reforzou o labor nas rúas co seu cadro de persoal ao completo. Mantense con normalidade o servizo de recollida do lixo e, hoxe mesmo, “fíxose unha recollida especial de voluminosos”, indica a concelleira.

Ademais, e en relación coas medidas preventivas de contaxio, este departamento ten en marcha un dispositivo especial de limpeza e desinfección do mobiliario urbano e dos espazos onde se concentra un maior número de persoas. “Estase facendo unha limpeza en profundidade nas papeleiras, nas paradas do transporte público, diante do Centro de Saúde e sobre todo nas zonas de tránsito que hai diante das tendas e supermercados que permanecen abertos”, explica Piñeiro.

A concelleira engade que o plan especial de limpeza tamén se estendeu ao cemiterio municipal onde, segundo asegurou a titular de Servizos, está cumpríndose a norma preventiva de que os cortexos fúnebres non superen as 25 persoas.